Friday 26 de April de 2024

A Xunta mellorará o acceso desde a estrada AC-240 aos núcleos de Oca de Arriba e Oca de Abaixo, en Touro


― A actuación, cun investimento de máis de 48.000 €, comezará nas vindeiras semanas

― Trátase da mellorar a seguridade no acceso a estes núcleos desde a marxe esquerda da estrada, no quilómetro 5+490, á altura da Maroxa, cun importante tránsito de maquinaria agrícola

― Executaranse carrís de aceleración e deceleración cun ancho de 3,50 metros para cada un, de modo que se adecúen as velocidades dos vehículos que transitan pola AC-240

― A Xunta continúa traballando na conservación e mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionar aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mellorará o acceso desde a estrada autonómica AC-240 aos núcleos de Oca de Arriba e Oca de Abaixo, no concello de Touro.

Esta intervención, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, foi adxudicada á empresa Construcciones López Cao, S.L. e comezará nas vindeiras semanas.

Trátase de mellorar a seguridade viaria do acceso a estes núcleos de Oca de Arriba e Oca de Abaixo desde a marxe esquerda da estrada, no punto quilométrico 5+490, á altura da Maroxa.

Esta actuación redundará nunha importante mellora de accesibilidade e da seguridade debido ao elevado tránsito de maquinaria agrícola.

Executaranse carrís de aceleración e deceleración, cun ancho de 3,50 metros para cada un, de modo que se adecúen as velocidades dos vehículos que transitan pola AC-240 e os que accedan á vía desde Oca de Arriba e Oca de Abaixo.

A execución do acceso non interferirá coa drenaxe superficial ou profunda da calzada, xa que se lle dará continuidade ao actual mediante un canlón de seguridade de formigón, coas arquetas intermedias necesarias e as bocas cubertas por reixas inclinadas.

A Xunta continúa traballando na conservación e mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionar aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.